30 maio - 27 xuño

Un voo, catro grises e 184 centímetros de territorio

Catara Rego

Comisariada por Pilar Romero

Imagen de la exposición de Catara Rego "Un voo, catro grises e 184 centímetros de territorio" en Espacio Peculiar

Toda representación do territorio implica unha redución. O representado tórnase manexable, cómodo: pódese arquivar, medir e decidir sobre el. Esta redución fai posible xestionar un espazo sen necesidade de estar nel.

Despois da Segunda Guerra Mundial, a ditadura franquista facilitou que o exército de Estados Unidos realizase o primeiro recoñecemento aéreo da península ibérica ao abeiro dos Pactos de Madrid. Entre 1956 e 1957, o Army Map Service rexistrou en máis de 60.000 negativos todo o territorio español con fins militares e cartográficos. Esta foi tamén a primeira vez que toda Galicia quedaba fotografada desde o aire.

Nesta exposición, Catara Rego toma como referencia o Monte Neme, unha das maiores e máis antigas minas de estaño e wolframio de Galicia, entre Carballo e Malpica, explotada historicamente por intereses estranxeiros. A artista fai un camiño inverso: amplía unha fotografía do voo americano sobre ese lugar ata converter cada centímetro da imaxe nun centímetro de territorio. Crea unha peza entre instalación e escultura que, seguindo a retícula cartográfica que rexía aquelas fotografías, corresponde a 184 centímetros de territorio descomposto en 64 partes.

A esta escala, a fotografía deixa de funcionar: a ampliación perde a súa capacidade de síntese e orientación, e amosa apenas catro píxeles grises. Porén, cada unha das pezas conserva a pegada física do territorio: levadas ao punto exacto que representan, foron marcadas directamente contra o chan, que deixou nelas o seu rastro. A obra incorpora así a presenza material e identitaria que a fotografía non pode revelar.

Con este xesto, Rego reflexiona sobre os sistemas cartográficos e as lóxicas de control do territorio para transmitir que a paisaxe é máis que unha imaxe: a memoria, a experiencia e os nosos vínculos con ela conforman unha complexidade insubstituíble.

Pilar Romero

Catara Rego (Meira, 1996) é artista visual e fotógrafa con base en Madrid. Graduada en Belas Artes e en Deseño pola Universidade Francisco de Vitoria, conta cun máster en Fotografía de Autor e Xestión de Proxectos pola escola EFTI de Madrid. A sua práctica céntrase na paisaxe como lugar onde se cruzan explotación territorial, identidade e memoria.

Nos últimos anos, recibiu diversos recoñecementos no ámbito da fotografía e da creación contemporánea. O seu proxecto Zona de sacrificio foi distinguido co Premio Descubrimentos PHE23 de PHotoESPAÑA e puido verse posteriormente no Silo de Hortaleza (2024) e no Museu de la Mediterrània (2025). A súa mostra individual Inventario de geometría continua presentouse en Navel dentro do Festival OFF PHotoESPAÑA 2025. Ademais, obtivo a bolsa Fuego Books Grant de Art Photo Bcn e foi finalista do III Premio Editorial Galego de Fotografía Documental. Ao longo da súa traxectoria tamén foi seleccionada para iniciativas como os Santander PhotoEspaña Portfolio Review, o Encontro de Artistas Novos de Santiago de Compostela ou o ACF Artistic Talent Award, e mostrou o seu traballo en espazos como Matadero Madrid, a Fundación Luis Seoane e o Auditorio de Galicia.

Actividades
Inauguración E EncOntro co artista
30 Maio 2026 - 13:00 h