Ikigai
Héctor Francesch
Comisariada por Pilar Romero

Nun mundo marcado pola inmediatez e a constante transformación, moitas persoas manteñen cada día a súa actividade guiadas por un sentimento íntimo que as impulsa con forza: a convicción de estar adicándose a aquelo que dá sentido á súa vida. Sen que exista unha tradución literal, o concepto xaponés Ikigai alude a esa razón persoal que nos move e que se converte, case sen darnos conta, na nosa propia “razón de ser”.
Nesta exposición, unha peza entre pintura, mural e instalación transforma o negro das persianas baixadas nun xesto de optimismo. Héctor Francesch fálanos así de quen sostén a súa actividade con esforzo, guiado por unha forte motivación. Mediante un minucioso traballo de ensamblaxe, revela tamén a sabedoría propia do traballo autónomo: a planificación, a orde, a paciencia e a practicidade.
Esta mostra nace da empatía do artista con este lugar e coas súas xentes, e recoñece o valor do empeño sostido, a forza de crer nun mesmo e a contribución que os nosos propósitos fan á vida en común.
Pilar Romero
Nas pequenas alegrías da vida diaria podemos atopar ás veces as razóns para erguerse polas mañás. Neste mercado temos claros exemplos de persoas emprendedoras que atenden os seus postos con empeño e dedicación, co desalento que produce ver os postos veciños pechados. Se o conectamos co traballo artístico, atopamos moitos puntos en común: todos facemos con dúas mans o traballo dunha ducia delas; pero tamén desfrutamos da satisfacción de traballar para un mesmo, naquelo que un decide, ou, no mellor dos casos, na actividade pola que sentimos paixón.
Velaquí unha pequena homenaxe ao pequeno emprendemento, ao seu esforzo e aos seus soños.
Héctor Francesch
Héctor Francesch (A Coruña, 1977) é artista multidisciplinar e deseñador. A súa ampla traxectoria comeza na pintura para expandirse despois ao ámbito da serigrafía, a escultura, o deseño, a ilustración e as instalacións. A súa obra foi exposta en galerías e institucións de ámbito nacional e internacional, en cidades como Madrid, Barcelona, Berlín, Lisboa, Nova York ou Adelaide (Australia).
Na súa traxectoria destacan exposicións en institucións como Afundación, nas súas sedes da Coruña e Vigo, a sala Palexco na Coruña e o Centre d’Art Contemporani Piramidón en Barcelona. Formou parte do 8º Premio Auditorio de Galicia, do Encontro de Artistas Novos en Arxentina – Cidade da Cultura e foi residente no Museo de Arte Contemporáneo MAC Naturgy da Coruña. Ademais, foi docente no Máster de Obra Gráfica da Fundación CIEC e no Museo de Belas Artes da Coruña.
